O Concello de Trabada informa de que, a partir do vindeiro luns, o persoal de Recursos de Galicia iniciará no municipio a notificación presencial ás persoas beneficiarias das bonificacións na factura da luz.
Os técnicos desprazaranse polas diferentes vivendas para trasladar directamente a información correspondente ás persoas incluídas nesta medida, resolvendo as cuestións necesarias durante o proceso de comunicación.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinala que «é importante que a veciñanza saiba que, desde o luns, o persoal de Recursos de Galicia visitará os domicilios das persoas beneficiarias para comunicarlles esta información de maneira presencial.»
Ao mesmo tempo, o rexedor lembra que o Concello continuará defendendo a ampliación do ámbito destas axudas. «Seguiremos reclamando que estas bonificacións poidan chegar a un maior número de fogares, co obxectivo de que todos os veciños e veciñas de Trabada poidan beneficiarse desta medida.»
Desde o Concello agradecen a colaboración da veciñanza durante este proceso e reiteran o seu compromiso de seguir traballando para que o maior número posible de familias do municipio poidan acceder a este tipo de iniciativas.