A parroquia de Sante acollerá este domingo, 30 de agosto, a III Voltiña a Sante, unha proposta organizada pola Asociación de Veciños San Julián de Sante, en colaboración co Concello de Trabada e Trabada paso a paso, que combinará unha ruta pola contorna cunha xornada de convivencia entre participantes e veciñanza.
A actividade dará comezo ás 11:00 horas, con saída desde o teleclub de Sante, e contará con dous posibles percorridos, de 6,5 e 8,5 quilómetros, cunha duración aproximada de dúas horas e media. A organización recomenda acudir con roupa e calzado cómodo e establece como obrigatorio o uso de chaleco durante o percorrido.
A xornada continuará a partir das 14:30 horas cunha gran paellada en Sante, que incluirá paella, pan, bebida, sobremesa e café. O prezo será de 20 euros para socios e participantes e de 25 euros para non socios. A comida estará servida por Catering Adriano.
As persoas interesadas en participar na paellada deberán realizar a súa inscrición antes do 27 de agosto, a través dos teléfonos 636 024 263 e 677 331 980.
Desde o Concello de Trabada destacan a importancia de apoiar e colaborar coas asociacións e colectivos do municipio na organización de actividades que favorecen a participación, o encontro e a dinamización das parroquias.
O Concello agradece o traballo e a implicación da Asociación de Veciños San Julián de Sante e de Trabada paso a paso que fan posible esta iniciativa, e anima á veciñanza a participar nesta nova edición da Voltiña a Sante para desfrutar dunha xornada de deporte e convivencia.