O Concello de Trabada organiza unha nova viaxe a Portugal do 6 ao 8 de novembro

O Concello de Trabada organiza unha nova viaxe a Portugal do 6 ao 8 de novembro

O Concello de Trabada organiza unha nova viaxe dentro do programa «Viaxa co Concello de Trabada», que nesta ocasión terá como destino Portugal. A actividade desenvolverase os días 6, 7 e 8 de novembro e permitirá ás persoas participantes coñecer Oporto, Aveiro e o Bom Jesus do Monte.

Esta iniciativa, que conta cunha moi boa acollida desde a primeira viaxe organizada polo Concello, busca ofrecer á veciñanza novas oportunidades para descubrir outros lugares, compartir experiencias e desfrutar de actividades de convivencia fóra do municipio.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destaca que «este programa está a ter unha resposta moi positiva desde que organizamos a primeira viaxe. Para nós é importante ofrecer actividades que permitan á veciñanza coñecer novos destinos, pero tamén compartir tempo, relacionarse e desfrutar de experiencias en compañía».

O rexedor pon especial atención nas persoas maiores: «Moitos dos nosos veciños e veciñas, polas circunstancias do traballo ou da súa vida, non tiveron no seu momento a oportunidade de visitar determinados lugares. Con estas viaxes queremos facilitar que agora poidan facelo, ao tempo que favorecemos a convivencia e creamos novos espazos de encontro entre a veciñanza».

A viaxe terá lugar do 6 ao 8 de novembro, con saída o venres día 6 ás 7:00 horas desde a Praza do Concello de Trabada.

O prezo será de 280 euros por persoa e inclúe o seguro de viaxe e o transporte en autobús, dúas noites en habitación dobre nun hotel de catro estrelas, as entradas ás actividades e a manutención prevista no programa. En concreto, inclúense os almorzos tipo bufet do sábado e domingo, a comida e a cea tipo bufet do venres e sábado, así como a comida do domingo.

O prazo de inscrición abrirá mañá, martes 22 de setembro, ás 9:00 horas. As persoas interesadas deberán formalizar a inscrición e realizar o pagamento presencialmente nas oficinas municipais, ata o 15 de outubro.

As prazas son limitadas e están destinadas inicialmente ás persoas empadroadas no Concello de Trabada. No caso de quedar prazas libres unha vez rematado o prazo de inscrición, poderán participar tamén persoas con familiares empadroados no municipio.

O Concello dá así continuidade a un programa que combina turismo, convivencia e participación social, achegando novas experiencias á veciñanza e, especialmente, ás persoas maiores.

Página anterior Rematan as obras de mellora da contorna da capela de San Miguel en Vilapercide

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados