O Concello de Trabada informa do remate das obras de mellora da contorna da capela de San Miguel, en Vilapercide. Unha intervención coa que se acondicionou este espazo da parroquia e se renovaron diferentes elementos.
Os traballos consistiron na construción dun novo muro de contención, a rehabilitación da fonte e a renovación da varanda. Esta actuación foi posible grazas a un convenio asinado coa Deputación de Lugo.
Á mellora impulsada polo Concello sumouse a implicación da propia veciñanza, que aproveitou a renovación da contorna para realizar novas actuacións pola súa conta, entre elas o pintado da capela.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destaca precisamente esta colaboración: «É moi positivo que ás melloras que realizamos desde as administracións se sume a implicación da veciñanza. Neste caso, o traballo realizado entre todos permitiu renovar a contorna e poñer en valor un espazo importante para Vilapercide».
Esta intervención forma parte do traballo que o Concello de Trabada está a desenvolver para renovar e acondicionar locais e espazos públicos nas diferentes parroquias.
«Queremos que este programa de melloras chegue aos distintos núcleos de Trabada, atendendo espazos que forman parte da vida das parroquias e que son utilizados e coidados pola propia veciñanza», sinala García Freije.