O alcalde de Trabada mantén diferentes encontros institucionais en Bruxelas para abordar proxectos e necesidades do municipio

O alcalde de Trabada mantén diferentes encontros institucionais en Bruxelas para abordar proxectos e necesidades do municipio

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, participou durante os últimos días en diferentes reunións, encontros institucionais e actividades de traballo en Bruxelas, onde tivo ocasión de trasladar as necesidades do municipio, presentar proxectos e establecer contactos con representantes de institucións europeas e entidades vinculadas ao desenvolvemento territorial.

Un dos encontros mantidos foi co eurodeputado Nicolás González Casares, a quen o rexedor trasladou diferentes propostas e cuestións relacionadas coas necesidades da veciñanza de Trabada, especialmente aquelas vinculadas á realidade dun concello rural.

Durante esta reunión, García Freije presentou tamén un proxecto de carácter social no que se está a traballar e cuxos detalles se darán a coñecer publicamente nas próximas semanas.

O alcalde mantivo igualmente un encontro con Marcos Alonso, embaixador permanente de España na Unión Europea, e puido coñecer de primeira man as instalacións da Embaixada Permanente de España na Unión Europea en Bruxelas. 

A axenda institucional incluíu tamén unha visita ao Parlamento Europeo, onde tivo a oportunidade de coñecer o funcionamento desta institución e achegarse ao traballo que se desenvolve no ámbito comunitario.

Durante a súa estancia en Bruxelas, Rubén García Freije participou tamén en diferentes actividades vinculadas á Semana Europea das Rexións e das Cidades, entre elas un encontro celebrado na Delegación do País Vasco.

Así mesmo, asistiu ao Foro Europeo de Innovación no Rural, un espazo de encontro arredor dos retos e oportunidades dos territorios rurais, no que se abordaron cuestións relacionadas co seu desenvolvemento e coa innovación.

Estas actividades permitiron ao alcalde coñecer experiencias e iniciativas doutros territorios, así como establecer contactos con representantes institucionais e entidades dos ámbitos público e privado.

García Freije explica que «durante estes días tivemos a oportunidade de trasladar a realidade e as necesidades de Trabada a diferentes representantes institucionais,  presentar proxectos nos que estamos traballando e coñecer experiencias doutros territorios que tamén afrontan os retos propios do medio rural».

O alcalde destaca igualmente a importancia dos contactos establecidos durante a visita: «Un dos obxectivos destes encontros foi abrir novas vías de comunicación e colaboración con institucións e entidades públicas e privadas que poidan resultar de interese para desenvolver futuros proxectos en Trabada».

A axenda de traballo en Bruxelas permitiu así abordar diferentes cuestións relacionadas co municipio, intercambiar experiencias e explorar posibles colaboracións institucionais de cara ao futuro.

Página anterior O Concello de Trabada programa catro actividades de orientación e acompañamento a familias para o curso 2026/2027

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados