Rematan as obras de mellora da contorna da capela de San Miguel en Vilapercide

Rematan as obras de mellora da contorna da capela de San Miguel en Vilapercide

O Concello de Trabada informa do remate das obras de mellora da contorna da capela de San Miguel, en Vilapercide. Unha intervención coa que se acondicionou este espazo da parroquia e se renovaron diferentes elementos.

Os traballos consistiron na construción dun novo muro de contención, a rehabilitación da fonte e a renovación da varanda. Esta actuación foi posible grazas a un convenio asinado coa Deputación de Lugo.

Á mellora impulsada polo Concello sumouse a implicación da propia veciñanza, que aproveitou a renovación da contorna para realizar novas actuacións pola súa conta, entre elas o pintado da capela.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destaca precisamente esta colaboración: «É moi positivo que ás melloras que realizamos desde as administracións se sume a implicación da veciñanza. Neste caso, o traballo realizado entre todos permitiu renovar a contorna e poñer en valor un espazo importante para Vilapercide».

Esta intervención forma parte do traballo que o Concello de Trabada está a desenvolver para renovar e acondicionar locais e espazos públicos nas diferentes parroquias.

«Queremos que este programa de melloras chegue aos distintos núcleos de Trabada, atendendo espazos que forman parte da vida das parroquias e que son utilizados e coidados pola propia veciñanza», sinala García Freije.

 

Páxina anterior A piscina municipal de Trabada pecha a tempada cun récord de asistencia tras permanecer aberta por primeira vez durante tres meses

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados