Trabada solicita unha subvención para mellorar dous camiños rurais nas parroquias de Sante e Valboa

Trabada solicita unha subvención para mellorar dous camiños rurais nas parroquias de Sante e Valboa

 O Concello de Trabada vén de solicitar unha subvención á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia destinada á mellora de camiños rurais no municipio, cun proxecto que supera os 73.000 euros.

A proposta presentada polo goberno municipal contempla dúas actuacións en diferentes parroquias do concello. Por unha banda, actuaríase no lugar de Louro, na parroquia de Sante, e por outra no lugar de Vilafernando, na parroquia de Valboa. En ambos casos está prevista a renovación dos viais mediante a aplicación de aglomerado, cunha actuación total de algo máis dun quilómetro, aproximadamente 500 metros en cada un dos dous camiños.

Con estas intervencións búscase mellorar o estado das vías de comunicación nestas zonas, facilitando o tránsito e contribuíndo a unha mellor conexión entre os diferentes lugares do municipio.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “desde o Concello continuamos traballando para aproveitar todas as liñas de axuda ás que podemos optar co obxectivo de seguir mellorando as nosas infraestruturas e os nosos camiños rurais, que son fundamentais para o día a día da veciñanza”.

O rexedor subliñou tamén que estas actuacións se sumarán a outras que xa están en planificación ou que darán comezo nos vindeiros meses noutras parroquias do concello, dentro da liña de traballo municipal orientada á mellora dos espazos públicos, das infraestruturas e das vías de comunicación en todo o territorio.

Página anterior O Concello de Trabada solicita unha subvención para crear novos espazos verdes na Ría de Abres

Ayuntamiento de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Lunes – Viernes: 8:00 am – 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados