Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

A ALCALDESA DE TRABADA REIVINDICA EN MÁLAGA NO CUMIO DA FEMP “A IMPORTANCIA DOS SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE NO RURAL E DO SECTOR PRIMARIO”

A ALCALDESA DE TRABADA REIVINDICA EN MÁLAGA NO CUMIO DA FEMP “A IMPORTANCIA DOS SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE NO RURAL E DO SECTOR PRIMARIO”

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, reivindicou en Málaga “a importancia duns servizos públicos de calidade no rural e do sector primario”, reclamando á Xunta de Galicia “máis cooperación no financiamento dos concellos”.

García Bermúdez participou en Torremolinos nas xornadas ‘40 anos da FEMP, proximidade e poder local’. A Federación Española de Municipios y Provincias organizou este evento contando coa presenza de alcaldes, alcaldesas e outros representantes municipais e provinciais de toda España. 

Mayra García representou ao Concello de Trabada na mesa ‘Un Pacto de Estado frente a la Despoblación’, moderada por Miguel Gracia Ferrer, presidente da Deputación de Huesca e presidente da Comisión ‘Despoblación y Reto Demográfico’ da FEMP. Tamén interviron Francisco Boya Alós, secretario xeral para o Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico; Raquel Clemente, alcaldesa de Celadas; Arturo Villar, alcalde de Camprovín; Ismael Padilla, alcalde de Bérchules, e Natacha Rivas, deputada provincial de Málaga. 

A alcaldesa de Trabada comezou a súa intervención neste acto reivindicando “a miña terra, esa Galicia profunda que me viu nacer e desenvolverme como persoa; este cualificativo implica unha valoración pexorativa e inxustificadamente negativa da miña terra e é inadmisible en calquera contexto, máis aínda nunha resolución xudicial”.

Mayra García Bermúdez continuou falando da importancia do sector primario e lembrou que presta unha función “non sempre visible e recoñecida”, pero que cobre “unha das necesidades básicas do ser humano para poder sobrevivir: a alimentación”. 

Posteriormente, centrouse en falar de que os servizos públicos son fundamentais como medida “para paliar o despoboamento”. Neste sentido, incidiu que os concellos precisan un maior financiamento doutras administracións, especialmente das comunidades autónomas, para prestar este tipo de servizos. 

A alcaldesa repasou na mesa as infraestruturas postas en marcha polo goberno local de Trabada. Entre elas, “unha residencia de maiores pública, un punto de atención á infancia e programas de conciliación laboral, todos eles con escasa ou nula participación económica da Xunta de Galicia e financiadas con fondos propios do Concello e coa cooperación da Deputación de Lugo”, sinalou. 

Mayra García fixo un chamamento a “unha maior cooperación no financiamento por parte da administración autonómica para seguir prestando servizos no rural e dar resposta así ao maior reto que nos enfrontamos, como o despoboamento”. 

Para exemplificar esta situación, apuntou que “o servizo de axuda no fogar ten un custo por hora de prestación de 16 euros e a Xunta fináncianos 9,70 euros. Vimos de lograr un acordo entre a Fegamp coa Xunta para chegar a financiar a 12 euros no 2024, pero este acordo é soamente para a prestación do servizo de dependencia, xa que o gasto do SAF por prestación básica asumímolo entre a Deputación de Lugo e o Concello”.

“É fundamental a cooperación de todas as administracións para facer fronte á despoboación e sen dúbida convocatorias como as que realizaron agora desde o Goberno de España de axudas para o comercio con cargo aos fondos Next Negeration, ou as do IDAE, axúdannos aos municipios pequenos a seguir prestando servizos e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”, rematou García Bermúdez.

Páxina anterior TRABADA CONSIGUE UNHA NOVA SUBVENCIÓN DA XUNTA PARA RENOVAR A FACHADA DA CÁMARA AGRARIA

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Horario:

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

Concello de trabada 2021 - Todos os dereitos reservados

gl_ESGalego