Persoas destacadas

D. UXÍO GARCÍA AMOR.
Fillo Predilecto do concello de Trabada, naceu o 7 de novembro de 1928 na parroquia de Sante.
É delegado diocesano do clero, profesor da escuela de Teoloxía e do Instituto Universitario de Ciencias Relixiosas San Agustín.

Estudou Humanidades no Seminario de Mondoñedo, para logo licenciarse en Filosofía (1949) e en Teoloxía (1953) pola Universidade Gregoriana de Roma.
De volta a Galicia, exerce de superior e de profesor no Seminario de Mondoñedo ata 1966, de mestre de capela na catedral mindoniense e de prefecto de Liturxia ata 1971. Foi secretario canceler do Bispado de Mondoñedo, delegado diocesano de Cáritas e do Clero, administrador diocesano do Bispado, vicario xeral do mesmo, párroco de As Pontes e de Vilalba. Tamén ocupou o cargo de Director do Orfeón de Mondoñedo e da Coral Polifónica Vilalbesa.

En 1984 recibiu a Medalla de Ouro de Mondoñedo e en 2003 foi proclamado Lucense do Ano. A corporación municipal de Trabada, por unanimidade, distinguiuno co título de FILLO PREDILECTO en 1982.

D. UXÍO GARCÍA AMOR
D. ELÍAS RODRÍGUEZ VARELA.

D. ELÍAS RODRÍGUEZ VARELA.
Fillo Predilecto do concello de Trabada, naceu o 1 de xaneiro de 1937 na parroquia de Trabada
Ingresou en Radio Juventud en 1958 e en 1963 queda adscrito ó plantel de Radio Nacional de España, simultaneando como locutor e actor. Profesional por excelencia en locucións publicitarias vaise de RNE e pon en marcha Radio Centro, como xefe de emisións. En 1978 funda o Centro de Comunicación, unha empresa creativa de apoio ás axencias publicitarias.

Tamén funda e preside Estudios Abaira, empresa dedicada a grabacións de publicidade e dobraxe; Abaira Publicidad, sonorización y creación de cuñas e spots publicitarios; Martinha Estudios Son, estudios de dobraxe e sonorización en Portugal e Línea de Fuego, productora publicitaria. É presidente de Abrente Soluciones Audiovisuales e vicepresidente de Bosques Naturales. Está en posesión das antenas de Prata e de Ouro da Federación Española de Radio e de Televisión; é Cabaleiro da Orde dos Cabaleiros e Damas do Camiño de Santiago; membro da Enxebre Orde da Vieira; Madrigallego de Ouro, ano 2001; Lucense do Ano 2002 e Medalla de Galicia na súa categoría de prata. A Corporación Municipal de Trabada outorgoulle o título de FILLO PREDILECTO en 1991.

D. CELSO CURRÁS LÓPEZ.

Fillo Adoptivo de Trabada a título póstumo por acordo da Corporación Municipal de data 22 de outubro de 2004. Foi homenaxeado nun emotivo acto o 7 de novembro do mesmo ano. Nacido en Vilalba o 25 de xaneiro de 1919, obtivo o título de Maxisterio en 1940, máis tarde o de Procurador dos Tribunais, o de Axudante Técnico Sanitario e finalmente a Licenciatura en Dereito.
En 1946 ponse ó fronte da escola pública de Trabada na que desenvolveu o seu maxisterio por verdadeira vocación (en primaria, bacharelato, maxisterio, oposicións….). Máis dun milleiro de alumnos pasaron polas súas clases. En 1958 fíxose cargo da Alcaldía, cesando a petición propia en 1982. En 1964 foi designado Deputado Provincial, cargo que renovou na lexislatura 1983-1987.
Como alcalde de Trabada conseguiu poñer ó seu municipio no mapa da España da posguerra a base de avances significativos que se concretaron na primeira concentración parcelaria da provincia, a mellora do tendido eléctrico e da rede viaria. Faleceu o 2 de outubro do 2001.
Estaba en posesión, entre outras moitas distincións, da Cruz de Alfonso X «El Sabio» e formaba parte das Ordes dos Méritos Civil e Agrícola, sendo distinguido co galardón de Lucense do Ano 1997.

D. CELSO CURRÁS LÓPEZ.

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Horario:

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

Concello de trabada 2021 - Todos os dereitos reservados

gl_ESGalego