O CONCELLO DE TRABADA CONTARÁ CUN CENTRO DE NOVAS TECNOLOXÍAS

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, asinou hoxe co presidente da Deputación de Lugo José Tomé Roca, un acordo a través do que a institución provincial achega ao concello 48.000 euros para a creación dun Centro de Novas Tecnoloxías en Vilaformán, rehabilitando o antigo teleclub da parroquia.

“Un novo paso para dotar a Trabada de novos servizos e infraestruturas públicas, cun centro que prestará atención á veciñanza da parroquia, pero tamén de todo o concello, e que axudará a dinamizar a vida social e económica con acceso ás novas tecnoloxías no rural”, asegura García Bermúdez.

José Tomé explicou que o investimento provincial “supón un 90% do custe total da actuación, que permitirá a posta en marcha dun espazo innovador impulsado pola propia alcaldesa de Trabada”.

“Estamos creando polo tanto novos servizos que contribúen a mellorar a calidade de vida da xente, un factor fundamental para fixar poboación no rural, que é un dos grandes obxectivos que temos na Deputación en colaboración cos concellos”, engadiu.

Os traballos para crear un centro de novas tecnoloxías en Vilaformán consistirán na retirada da rede eléctrica e os equipos de iluminación, a demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos interiores e na retirada da carpintería de madeira existente.

Grazas ao proxecto habilitaranse no edificio, de 131m2, dous espazos, un para instalar material informático e o segundo para levar a cabo formación relacionada con actividades no rural, clases de primeiros auxilios, ximnasia ou cursos.

Páxina anterior A ALCALDESA DE TRABADA AGRADECE “O TRABALLO E A IMPLICACIÓN DE TODAS AS ADMINISTRACIÓNS, AS FORZAS DE SEGURIDADE E OS VECIÑOS QUE COLABORARON PARA APAGAR O LUME”

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Horario:

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

Concello de trabada 2021 - Todos os dereitos reservados

gl_ESGalego