Comida dos maiores Trabada 17 de maio

O Concello de Trabada celebra este sábado a comida dos maiores con preto de 300 participantes

O Concello de Trabada acollerá este sábado unha das citas máis significativas do seu calendario social: o tradicional Encontro dos Maiores. Unha xornada de convivencia na que está prevista a participación de case 300 persoas, consolidándose como unha das actividades máis destacadas e emotivas do ano.

Esta celebración supón unha oportunidade para render homenaxe ás xeracións que contribuíron co seu traballo e esforzo ao desenvolvemento do municipio, converténdose nun símbolo de recoñecemento e agradecemento colectivo.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia deste evento: “É todo un orgullo para min como alcalde poder reunir a todas esas persoas que tanto fixeron por Trabada ao longo das súas vidas. Son xeracións que construíron o noso presente, e agora merecen gozar dun retiro digno e cheo de momentos como este”.

O Encontro dos Maiores incluirá unha comida de confraternidade e diferentes actividades para favorecer o reencontro, o lecer e o recoñecemento ás veciñas e veciños da terceira idade.

Con esta iniciativa, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso co benestar das persoas maiores e coa posta en valor da súa traxectoria vital como parte esencial da identidade local.

 

Páxina anterior O Concello de Trabada colabora co I Descenso de Carrilanas que se celebra o 24 de maio en Sante

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados