Os Concellos de Trabada, Lourenzá e Barreiros remitiron unha carta conxunta á Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia para esixir a activación inmediata das axudas prometidas ao sector da faba, comprometidas publicamente o pasado 14 de marzo durante unha reunión en Ribadeo.
Tal e como figura no escrito oficial, os tres concellos trasladan a súa profunda preocupación pola falta de aplicación efectiva das medidas anunciadas, como as axudas directas de ata 2.000 euros por hectárea e a posta en marcha dun instrumento financeiro para dotar de liquidez ás explotacións afectadas pola catastrófica campaña de 2024. A día de hoxe, sinalan, ningunha destas medidas foi activada.
O alcalde de Trabada, Rubén García, é contundente ao respecto: “Esiximos á conselleira que cumpra coa súa palabra. Despois de todas as promesas realizadas, estamos xa a 16 de maio e aínda non chegou nada. O sector non pode agardar máis”.
A carta advirte que as perdas da última campaña superaron o 80%, deixando moitas familias produtoras nunha situación límite, sen apenas recursos para afrontar unha nova sementeira e con débedas acumuladas.
Entre as demandas incluídas no documento, destacan:
- A activación inmediata das axudas directas e de liquidez.
- A extensión destas axudas a todos os produtores, pertenzan ou non á IXP Faba de Lourenzá.
- A creación dun plan de investigación agronómica e fitopatolóxica.
- A colaboración co Principado de Asturias para reclamar conxuntamente en Madrid unha axuda asociada para a faba no marco da PAC.
Os tres concellos recordan que a faba é un cultivo estratéxico, parte do patrimonio agrícola e cultural da Mariña, polo que consideran inaceptable que a súa continuidade se vexa comprometida pola inacción administrativa.
Desde o Concello de Trabada reiteran o seu compromiso co rural e coas familias produtoras da comarca, e demandan da Xunta respostas inmediatas e medidas efectivas.