O Concello de Trabada renovará o alumeado público en cinco núcleos con apoio dunha nova axuda

O Concello de Trabada continúa coa súa aposta pola eficiencia enerxética e a mellora das infraestruturas locais grazas á consecución dunha nova axuda pública de 32.000 euros, que permitirá acometer a renovación do alumeado público nos núcleos de O Vilar, Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando.

O proxecto conta cun orzamento total de 51.608,25 euros, dos cales 32.000 euros foron achegados a través da axuda conseguida, e os 19.608,25 euros restantes serán asumidos con fondos propios do Concello. 

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “seguimos traballando por un concello máis sostible e eficiente. A renovación do alumeado é unha medida que beneficia tanto ao medio ambiente como á economía municipal, e ademais mellora a calidade dos servizos básicos nas parroquias”.

Con este tipo de actuacións, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa transición enerxética, o aforro de recursos públicos e o benestar da veciñanza, especialmente nas zonas rurais.

Páxina anterior Trabada acolle a I Concentración Motera os días 21 e 22 de xuño

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados