Nova vivenda social en Vilapercide

O Concello de Trabada abre o próximo luns o prazo para solicitar unha nova vivenda social en Vilapercide

O vindeiro luns día 23 de xuño abrirase o prazo de presentación de solicitudes para optar á vivenda situada na antiga escola de Vilapercide, que se ofrece en réxime de alugueiro social. As persoas interesadas dispoñerán dun mes para presentar as súas solicitudes.

Esta nova vivenda súmase ás xa adxudicadas durante este ano nas antigas escolas de Vidal e Trabadela, consolidando así o modelo de recuperación de inmobles públicos para fins sociais impulsado polo Concello de Trabada.

Ademais, nas vindeiras semanas dará comezo a reforma interior da vivenda da antiga escola de Valboa, que tamén será destinada a alugueiro social unha vez rematadas as obras.

Desde o Concello de Trabada, o alcalde Rubén García destaca que “apostamos por darlle un uso social ás antigas escolas das nosas parroquias, espazos que tiveron unha función esencial no pasado e que agora poden volver ser útiles para o presente e o futuro do noso municipio”.

Esta iniciativa forma parte dunha estratexia municipal para facilitar o acceso á vivenda a prezos asequibles, contribuíndo á fixación de poboación no territorio.

Páxina anterior O Concello de Trabada renovará o alumeado público en cinco núcleos con apoio dunha nova axuda

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados