O Concello de Trabada impulsa un campamento xuvenil sen tecnoloxía e con saídas semanais

O Concello de Trabada impulsa un campamento xuvenil sen tecnoloxía e con saídas semanais

O pasado 1 de xullo deu comezo o primeiro campamento xuvenil do Concello de Trabada, unha nova iniciativa municipal enmarcada nos programas de conciliación familiar e pensada para ofrecer alternativas de ocio saudable durante os meses de verán.

O campamento desenvólvese de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas, e está centrado na actividade física e a convivencia sen o uso de dispositivos electrónicos, como móbiles ou tabletas. O obxectivo é fomentar a interacción directa, o deporte, a creatividade e o respecto ao entorno, afastando á mocidade das pantallas durante a xornada.

Como parte da programación, o campamento incluirá tamén unha saída semanal fóra das instalacións, que permitirá aos participantes gozar de experiencias diferentes en contornas variadas. A primeira tivo lugar esta semana e incluíu unha carreira de karts e un paseo a cabalo, dúas actividades que combinaron lecer, deporte e aprendizaxe.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “este é un novo paso dentro do noso compromiso coa conciliación das familias e coa creación de espazos para que a mocidade desfrute do verán de maneira activa, segura e saudable. É a primeira vez que organizamos un campamento xuvenil durante xullo e agosto, e a acollida está sendo moi positiva”.

Desde o Concello de Trabada sinalan que se seguirá traballando para ampliar a oferta de programas de verán, con iniciativas que favorezan a participación da infancia e da mocidade, promovendo valores e fortalecendo o tecido social no municipio.

O Concello de Trabada impulsa un campamento xuvenil sen tecnoloxía e con saídas semanais 2

Páxina anterior Asinado o convenio de colaboración para mellorar o abastecemento de auga entre Trabada, Ribadeo e Xunta de Galicia

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados