O Concello de Trabada inicia as obras de ampliación e mellora da zona verde no complexo deportivo municipal

O Concello de Trabada inicia as obras de ampliación e mellora da zona verde no complexo deportivo municipal

O Concello de Trabada vén de poñer en marcha as obras de implantación e aumento da zona verde no complexo deportivo municipal, un proxecto que conta cun investimento total de 75.000 euros, dos que 60.000 euros proceden dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e 15.000 euros son achegados con fondos propios municipais.

Esta actuación enmárcase nunha nova liña de axudas orientada á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos, da que Trabada foi un dos poucos concellos de Galicia beneficiarios.

As obras contemplan a instalación dun peche natural no campo de bolos tradicional, a creación dunha nova zona de descanso composta por illas de picnic con pérgolas de cuberta natural, así como a colocación de fontes, papeleiras e nova arboreda, coa finalidade de mellorar o confort, a estética e a sustentabilidade do espazo.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “con este proxecto seguimos mellorando o complexo deportivo municipal e avanzamos na creación dun entorno máis verde, accesible e adaptado ás necesidades da veciñanza. Apostamos por un modelo de espazos públicos sostible, pensado para o uso e disfrute de todas as idades”.

O rexedor lembrou tamén que “neste complexo deportivo levamos anos desenvolvendo diferentes proxectos que foron configurando un espazo de lecer e deporte moi completo, con instalacións como a pista de pádel, a pista multideporte, o campo de bolos tradicional, o circuíto de pump track, a tirolina e o tobogán infantil”.

Con esta nova actuación, o Concello de Trabada continúa a súa aposta por modernizar e diversificar os espazos públicos municipais, mellorando a calidade de vida e fomentando hábitos saudables entre a veciñanza.

 

Páxina anterior O Concello de Trabada solicita a AMTEGA, Telefónica e Orange a incorporación de cobertura móbil para todas as compañías na zona de Fórnea

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados