O Concello de Trabada continúa executando actuacións de mellora nos camiños municipais e nos espazos públicos das diferentes parroquias, nun esforzo por garantir infraestruturas en boas condicións e unha atención equilibrada a toda a veciñanza.
Nos últimos días avanzouse na renovación do asfaltado e na limpeza de camiños e cunetas en varias zonas do concello. As actuacións xa se levaron a cabo nas parroquias de Valboa, Vidal, Vilapena e Vilaformán, e os traballos están actualmente en marcha na parroquia de Trabada.
Ademais, nas vindeiras semanas iniciarase a mellora de vías e espazos públicos tamén na parroquia de Sante, así como novos traballos na parroquia de Fórnea, onde xa deu comezo a renovación do parque infantil.
Estas intervencións súmanse ás obras que se están realizando na parroquia da Ría de Abres, onde continúa a construción do novo centro social, consolidando así un período no que se está actuando simultaneamente nas oito parroquias que conforman o municipio.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “nestes momentos estamos a desenvolver actuacións en todas as parroquias do concello, algo que reflicte o noso compromiso cun traballo xusto e equilibrado. O noso obxectivo é atender as necesidades da veciñanza en cada lugar, mellorando camiños, espazos de uso público e infraestruturas básicas”.
García subliñou ademais que “continuaremos nesta liña, planificando e executando melloras de maneira continua, porque entendemos que o mantemento dos camiños e dos servizos públicos é fundamental para garantir a calidade de vida en todas as parroquias de Trabada”.
Con estas actuacións, o Concello reforza o seu compromiso de avanzar no mantemento e modernización das infraestruturas municipais, actuando con criterios de proximidade, equilibrio territorial e atención ás demandas da cidadanía.

