O Concello de Trabada vén de anunciar a convocatoria para a entrega dos cheques correspondentes ao pagamento das luces públicas que permanecen conectadas aos contadores das vivendas particulares durante o ano 2024.
Segundo recolle o bando emitido polo alcalde, Rubén García Freije, a entrega realizarase o vindeiro martes, 23 de decembro de 2025, ás 11:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Trabada. A convocatoria está dirixida ás veciñas e veciños afectados por esta situación, co obxectivo de compensar os custos derivados da subministración eléctrica.
O alcalde destacou que “con esta convocatoria queremos dar resposta a unha situación que afecta directamente a algúns fogares do noso concello, cumprindo co compromiso adquirido coa veciñanza e garantindo unha xestión xusta dos servizos públicos”. Rubén García subliñou tamén que “este tipo de medidas forman parte do traballo continuo do Concello de Trabada por mellorar os servizos municipais e atender as necesidades reais da poboación”.
Así mesmo, informouse de que aquelas persoas que non poidan asistir o día sinalado poderán recoller o seu cheque nas oficinas municipais do Concello de Trabada nun prazo de 30 días a partir da data da convocatoria.
Desde o goberno local reiteran o seu compromiso cunha administración próxima, transparente e orientada á mellora da calidade de vida da veciñanza, apostando por solucións que garantan a equidade e o bo funcionamento dos servizos municipais.