O Concello de Trabada vén de finalizar as obras de renovación integral do parque infantil da parroquia de Fórnea, unha actuación cun investimento de algo máis de 50.000 euros, que foi posible grazas a un convenio asinado polo alcalde, Rubén García, coa Deputación de Lugo.
Esta intervención supón unha mellora significativa dun espazo destinado ao lecer e á convivencia da veciñanza máis nova, dotando o parque de novos xogos e elementos máis seguros, modernos e adaptados ás necesidades actuais.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “esta actuación enmárcase na liña de traballo que vimos desenvolvendo nos últimos anos para renovar e mellorar os parques infantís de todo o concello, ofrecendo espazos de calidade para os nenos e nenas e tamén para as súas familias”.
Neste sentido, lembrou que xa se levou a cabo a renovación do parque infantil de Trabada, o da Rúa San Roque, o de Sante e agora o de Fórnea, “o que demostra o compromiso do Concello por chegar a todas as parroquias”.
Desde o Concello sublíñase que estas actuacións forman parte do obxectivo de seguir mellorando as infraestruturas municipais e os servizos públicos, neste caso centrados no público infantil, contribuíndo así a unha maior calidade de vida da veciñanza e a fixar poboación no rural.
O alcalde e a concelleira do equipo de goberno, Pilar Fernández, visitaron o parque infantil de Fórnea unha vez rematadas as obras, co obxectivo de comprobar o estado final da actuación e o resultado desta mellora, que xa está a disposición da veciñanza da parroquia.