O Concello de Trabada inaugurará o próximo domingo, día 25, a partir das 12:15 horas, o novo centro social da parroquia da Ría de Abres. Un acto ao que están convidadas todas as veciñas e veciños do municipio, e de maneira especial, a veciñanza desta parroquia.
No acto de inauguración contarase coa presenza da presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, ademais de representantes municipais. Tras a apertura oficial do novo espazo, haberá un pequeno picoteo para todas as persoas asistentes, co obxectivo de compartir este momento tan especial para a parroquia.
Este novo centro social supón un proxecto moi ilusionante para o Concello, xa que a Ría de Abres era a única das oito parroquias de Trabada que non dispoñía ata agora dun local social propio no que a veciñanza puidese reunirse, convivir e desenvolver diferentes actividades culturais, sociais e veciñais.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “con esta inauguración damos resposta a unha demanda histórica da parroquia da Ría de Abres, dotándoa dun espazo digno e funcional que servirá como punto de encontro para a veciñanza e para fortalecer a vida social da parroquia”. O rexedor engadiu que “seguimos traballando para que todas as parroquias do noso concello conten con infraestruturas básicas que melloren a calidade de vida das persoas que viven nelas”.
A construción do novo centro social foi posible grazas a un convenio asinado polo alcalde de Trabada coa Deputación de Lugo, que achegou 190.000 euros para a execución do proxecto. O investimento total ascendeu a algo máis de 196.000 euros, sendo a cantidade restante achegada polo Concello de Trabada.
Desde o goberno municipal subliñan que esta actuación enmárcase na liña de traballo de mellorar as infraestruturas municipais e de apostar por espazos que favorezan a convivencia, a participación e o desenvolvemento da vida comunitaria en todas as parroquias do concello.
O Concello de Trabada anima a toda a veciñanza a participar neste acto de inauguración e a compartir unha xornada que marca un antes e un despois para a parroquia da Ría de Abres.