O Concello de Trabada informa de que a partir do vindeiro domingo 18 reabrirán as instalacións deportivas municipais, concretamente a zona da pista do pavillón e o ximnasio municipal, tras o incendio rexistrado o pasado día 3 na área de vestiarios.
A reapertura destas instalacións prodúcese apenas dúas semanas despois do incidente, permitindo retomar a actividade deportiva no municipio. Por motivos de seguridade, a zona de vestiarios permanecerá pechada ata a súa completa recuperación.
Dende o Concello destacan o esforzo realizado para restablecer o servizo no menor tempo posible e sinalan que xa se está a traballar na valoración dos danos ocasionados polo incendio. Nas vindeiras semanas solicitarase o financiamento necesario para acometer as obras de reparación e rehabilitación da zona afectada.
O goberno local reafirma así o seu compromiso coa veciñanza e co deporte, priorizando a seguridade e a recuperación progresiva das instalacións municipais.