O Concello de Trabada dá continuidade ao programa “Viaxa co Concello de Trabada”, unha iniciativa que conta cunha excelente acollida entre a veciñanza e que ten como obxectivo ofrecer alternativas de lecer, convivencia e descubrimento doutros territorios, sempre con todas as garantías de seguridade e organización.
Nesta nova edición, o programa inclúe unha viaxe que terá lugar os días 13, 14 e 15 de marzo, con destino a San Sebastián, Castro Urdiales, Bilbao e San Juan de Gaztelugatxe. O prezo da viaxe será de 265 euros por persoa.
O paquete inclúe seguro de viaxe, dúas noites en hotel de catro estrelas en habitación dobre, almorzos buffet de sábado e domingo, cea buffet os venres e sábados, comida o venres e o domingo, así como a entrada ao tren turístico en San Sebastián. A comida do sábado realizarase a través dunha ruta gastronómica por San Sebastián, non incluída no prezo.
As prazas son limitadas e están dirixidas prioritariamente a veciños e veciñas empadroados no Concello de Trabada e maiores de idade. A inscrición e o pagamento realizaranse nas oficinas municipais. O prazo de inscrición abrirase mañá, martes 27 de xaneiro, ás 9:00 horas, e permanecerá aberto ata o 6 de febreiro. No caso de quedaren prazas libres unha vez rematado o prazo, poderán participar persoas con familiares empadroados no concello, previa inscrición.
O alcalde de Trabada, Rubén García, xunto cunha concelleira do equipo de goberno, presentaron esta nova edición do programa e destacaron a boa acollida que teñen este tipo de iniciativas. O rexedor sinalou que “seguimos apostando por programas que permiten á nosa veciñanza gozar de experiencias culturais e turísticas, favorecendo tamén a convivencia e o envellecemento activo, sempre cunha organización segura e de calidade”.
Desde o Concello subliñan que “Viaxa co Concello de Trabada” forma parte dunha liña de traballo orientada a ofrecer propostas atractivas para a veciñanza, facilitando o acceso a viaxes organizadas e contribuíndo ao benestar social e á participación activa dos veciños e veciñas do municipio.
