O Concello de Trabada solicita unha subvención para a renovación integral da Rúa das Bolboretas

O Concello de Trabada solicita unha subvención para a renovación integral da Rúa das Bolboretas

O Concello de Trabada vén de presentar unha solicitude de subvención á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia para levar a cabo a renovación integral da Rúa das Bolboretas, unha vía que conecta a Rúa Cotarelo coa Rúa San Roque e que constitúe un punto estratéxico da trama urbana do municipio.

O proxecto presentado conta cun orzamento que supera os 106.000 euros e contempla unha actuación completa sobre a rúa coa mellora da accesibilidade, a renovación total dos servizos e subministracións existentes e a posterior pavimentación da vía. Trátase dunha intervención integral destinada a modernizar esta infraestrutura, mellorar a seguridade e facilitar a mobilidade da veciñanza.

Desde o Concello destacan que esta actuación permitiría dar resposta a necesidades detectadas nesta rúa, mellorando tanto as condicións de uso como a imaxe urbana da zona, ao tempo que se avanza na adaptación do espazo público aos criterios actuais de accesibilidade e calidade urbana.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “desde o Concello seguimos solicitando todas aquelas axudas ás que podemos optar, coa finalidade de continuar renovando e mellorando o noso municipio”. O rexedor amosou tamén a súa confianza en que esta subvención poida ser concedida, “xa que nos permitiría avanzar nun proxecto importante para a veciñanza e seguir transformando os espazos públicos de Trabada”.

Rubén García engadiu que o goberno municipal manterá esta liña de traballo, apostando pola captación de fondos doutras administracións para executar actuacións que, doutro xeito, resultarían difíciles de afrontar con recursos propios nun concello rural como Trabada.

 

Páxina anterior O Concello de Trabada solicita á Xunta colaboración para reparar os danos do pavillón municipal tras o incendio

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados