O Concello de Trabada vén de rematar as obras de mellora viaria nos núcleos de Barreiros e A Abaira, dúas actuacións incluídas no Plan Deputación de Cooperación cos Concellos e que supuxeron un investimento conxunto de algo máis de 130.000 euros.
Os traballos consistiron na limpeza previa de cunetas, o aglomerado en quente de ambas vías e o posterior pintado das mesmas, permitindo así mellorar de maneira significativa o estado destas estradas municipais e reforzar a seguridade e comodidade da circulación.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “con esta actuación continuamos avanzando na mellora das nosas vías municipais a través do aglomerado en quente, unha aposta que estamos a consolidar pola súa maior durabilidade e pola calidade que ofrece”.
O rexedor engadiu ademais que “trátase de estradas importantes para a mobilidade diaria da veciñanza, xa que conectan con vías de titularidade provincial e autonómica, polo que seguir actuando nelas é unha prioridade para este equipo de goberno”.
Desde o Concello subliñan que estas actuacións forman parte da planificación municipal para continuar modernizando e mellorando as infraestruturas viarias en diferentes puntos do municipio, facilitando así as comunicacións e contribuíndo ao desenvolvemento do rural.