O Concello de Trabada vén de rematar as obras de mellora no teleclub de Vilapena, unha actuación que supuxo un investimento de case 35.000 euros e que permitiu acondicionar e modernizar este espazo de uso veciñal.
Os traballos realizados incluíron o pintado exterior da fachada, o pintado interior do local, o hormigonado da zona de aparcamento e o peche parcial do porche exterior, actuacións destinadas a mellorar tanto a conservación das instalacións como a súa funcionalidade e comodidade para a veciñanza.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “continuamos a mellorar os locais das nosas parroquias e os espazos públicos co obxectivo de acondicionar estes lugares para o uso e desfrute dos nosos veciños e veciñas”.
O rexedor subliñou tamén que “este tipo de actuacións son fundamentais para manter en boas condicións os espazos de encontro e convivencia, que teñen unha gran importancia na vida social das parroquias”.
Desde o Concello sinalan que estas obras forman parte da liña de traballo que se vén desenvolvendo para seguir modernizando e poñendo en valor os equipamentos municipais e os espazos públicos de todo o concello.