O Concello de Trabada vén de conseguir unha subvención por importe de máis de 35.000 euros destinada á reparación dos vestiarios do pavillón municipal afectados polo incendio rexistrado o pasado mes de xaneiro.
A actuación permitirá executar a substitución da cuberta e da estrutura de vigas dos vestiarios, cun proxecto que ascende a máis de 51.000 euros, dos que o Concello achegará máis de 15.000 euros.
Esta intervención supón un novo paso na recuperación dunha infraestrutura municipal que sufriu importantes danos a consecuencia do incendio. O custo total estimado da reparación do pavillón ascende a arredor de 160.000 euros, polo que esta subvención permitirá acometer unha primeira fase das obras.
O alcalde de Trabada, Rubén García, explica que «desde o primeiro momento buscamos diferentes vías de financiamento para afrontar unha actuación que é imprescindible para recuperar esta instalación municipal».
O rexedor lembra que o Concello solicitou inicialmente ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes unha colaboración extraordinaria para facer fronte aos danos ocasionados polo incendio, unha petición que non foi atendida, remitindo ao Concello ás distintas convocatorias ordinarias de subvencións.
«Ante esa negativa, seguimos traballando e buscando alternativas. Presentamos este proxecto a unha liña de axudas que se adaptaba ás actuacións necesarias e conseguimos unha subvención de máis de 35.000 euros que nos permitirá iniciar a recuperación dos vestiarios», sinala.
Rubén García engade que o Concello xa rexistrou unha nova solicitude de convenio extraordinario coa Xunta de Galicia, co obxectivo de obter financiamento para continuar coa reparación do resto dos danos ocasionados polo incendio.
«Estamos a falar dunha actuación valorada en preto de 160.000 euros derivada dunha situación totalmente sobrevida para o Concello. Agardamos que nesta ocasión a Xunta colabore connosco para poder recuperar canto antes unhas instalacións fundamentais para os clubs deportivos e para toda a veciñanza», conclúe o alcalde.