O Concello de Trabada vén de rematar as obras de mellora dos accesos á antiga escola da parroquia de Fórnea, unha intervención destinada a acondicionar este espazo público e mellorar as condicións para o seu uso por parte da veciñanza.
Os traballos incluíron a substitución da antiga varanda, que se atopaba deteriorada, por unha nova, así como a ampliación do espazo público situado xunto ao local social. Tamén se levou a cabo o formigonado do acceso ao edificio e da nova zona ampliada.
Esta intervención foi posible grazas a un convenio coa Deputación de Lugo e súmase a outras melloras executadas nos últimos meses nesta parroquia. Entre elas atópase a renovación do parque infantil, onde se instalaron novos elementos e se substituíu o pavimento.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, sinala que «seguimos traballando para mellorar os espazos públicos das nosas parroquias e ofrecer á veciñanza lugares máis seguros, cómodos e axeitados para o seu uso e desfrute».