O Concello de Trabada solicita unha reunión urxente para aclarar as condicións das bonificacións eléctricas do programa Mondigo Beneficia

O Concello de Trabada solicita unha reunión urxente para aclarar as condicións das bonificacións eléctricas do programa Mondigo Beneficia

O Concello de Trabada solicitou unha reunión con carácter urxente para coñecer con detalle as condicións e o procedemento de aplicación das bonificacións na factura eléctrica vinculadas ao programa Mondigo Beneficia, ante as dúbidas que está trasladando a veciñanza.

O alcalde, Rubén García Freije, remitiu unha mesma carta á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a Recursos de Galicia e á comercializadora Máis Enerxía Galega, solicitando aclaracións sobre o funcionamento destas bonificacións e os pasos que deben seguir as persoas beneficiarias. Esta última empresa sería supostamente, segundo a información trasladada ao Concello, a única comercializadora que manifestou a súa disposición a adherirse ao programa de descontos vinculado ao parque eólico.

A petición prodúcese despois de que varios veciños e veciñas trasladasen ao Concello as condicións que lles está comunicando individualmente a comercializadora. Segundo explican, algúns destes aspectos non coinciden co que Recursos de Galicia expuxera inicialmente sobre o funcionamento das bonificacións.

Esta situación está a xerar unha especial preocupación no alcalde, que considera necesario resolver canto antes as discrepancias detectadas para evitar confusións entre as familias que poden beneficiarse da medida.

«Preocúpanos que a veciñanza estea a recibir unhas condicións que non coinciden co que no seu día nos trasladou Recursos de Galicia. Estamos a falar dunha bonificación importante para as familias de Trabada e consideramos fundamental que se aclaren estas diferenzas canto antes, para que todas as persoas beneficiarias coñezan exactamente como vai funcionar o programa», sinala García Freije.

Nos escritos remitidos, o Concello solicita coñecer o procedemento previsto para aplicar os descontos, os trámites necesarios para acceder a eles e a forma na que se reflectirán nas facturas eléctricas.

Tamén pide aclarar que comercializadoras están adheridas ao programa e se as persoas beneficiarias poden escoller entre diferentes opcións de contratación para acceder á bonificación.

Outro dos aspectos que se quere concretar é o papel das comercializadoras na atención ás persoas beneficiarias, así como as vías de coordinación coa administración local para garantir que as condicións do programa se comuniquen correctamente a toda a veciñanza afectada.


«O que solicitamos é transparencia e unha explicación detallada do procedemento. Non queremos que ningunha persoa deixe de beneficiarse destes descontos por descoñecer os pasos que debe seguir ou por recibir indicacións contraditorias. Por iso consideramos imprescindible manter unha reunión urxente e establecer unha comunicación directa co Concello», explica o alcalde.

O Concello de Trabada queda agora á espera dunha resposta ás solicitudes remitidas e da concreción dunha data para manter a reunión coa maior brevidade posible.

Páxina anterior O Concello de Trabada inicia unha nova obra de mellora viaria en Valboa cun investimento de máis de 45.000 euros

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados