O vindeiro 24 de maio, o barrio de Sante acollerá o I Descenso de Carrilanas, un evento organizado pola Asociación de Veciños San Julián de Sante coa colaboración do Concello de Trabada, a Xunta de Galicia e outros colectivos e patrocinadores.
A xornada arrancará coa verificación dos vehículos entre as 11:30 e as 13:00 horas, seguida dunha gran paellada ás 13:30 horas. O descenso das carrilanas comezará ás 16:00 horas, e a entrega de premios está prevista para as 20:40 horas.
Ademais do espectáculo deportivo, haberá un menú completo con paella mixta, pan, bebida e postre, cos seguintes prezos: 18€ para socios e participantes, 20€ para non socios, e menú infantil (ata 6 anos) de balde. As inscricións estarán abertas ata o 21 de maio, a través do teléfono 636 024 263 ou no Teleclub de Sante.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “continuamos desde o Concello colaborando con todas as asociacións, clubs e entidades do municipio, non só para dar apoio loxístico, senón tamén participando activamente na posta a punto do trazado”. Engadiu ademais que “a organización de eventos coma este é fundamental para dinamizar a vida social e cultural do noso concello, e sempre contarán co noso respaldo”.
Este evento que combina deporte, gastronomía e participación veciñal, supón unha nova oportunidade para fomentar o lecer e a convivencia na contorna rural de Trabada.