O pleno do Concello de Trabada aprobou hoxe os orzamentos correspondentes ao exercicio 2026, que acadan unha cifra histórica no municipio: 2.051.341,61 euros, sendo a primeira vez que Trabada supera a barreira dos dous millóns. Trátase duns orzamentos “ambiciosos, realistas e centrados no coidado das persoas”, tal e como destacou o alcalde, Rubén García.
Aposta decidida polos servizos sociais e o Centro de Maiores
Un dos piares fundamentais das contas municipais é o investimento en políticas sociais. O Concello destina 604.499,08 euros, o que supón o 30 % do total do orzamento, tanto aos servizos sociais como ao funcionamento e mellora do Centro de Maiores.
O alcalde salientou que “estes orzamentos reflicten claramente o modelo de traballo do goberno municipal: poñer ás persoas no centro, garantir servizos públicos de calidade e asegurar que os nosos maiores dispoñan da atención que merecen”.
Reforzo do tecido asociativo
O orzamento municipal tamén contempla unha partida de 26.800 euros destinada directamente ao tecido asociativo, co obxectivo de apoiar a actividade das asociacións, clubs e comisións de festas.
Ademais desta achega directa, o Concello destaca que nas contas reflíctese tamén “todo o labor de colaboración continuada” coas entidades culturais, deportivas e festivas para facer posible unha programación amplia durante todo o ano.
“O compromiso do Concello co tecido asociativo é absoluto. É fundamental que as asociacións sintan o apoio das institucións para seguir dinamizando a vida social, cultural e deportiva de Trabada”, subliñou García.
Investimentos: case medio millón de euros en proxectos municipais
O capítulo de investimentos ascende en 2026 a 467.759,42 euros, preto de medio millón destinado a melloras en infraestruturas, servizos públicos e equipamentos en todas as parroquias do municipio.
O alcalde lembrou que o Concello continuará a súa liña de traballo dos últimos anos: “seguiremos solicitando todas as subvencións ás que poidamos optar e reclamando financiamento ás distintas administracións —Xunta, Deputación e Goberno central— para levar adiante novos proxectos que melloren o día a día da nosa veciñanza”.
Un compromiso claro coa mellora continua do municipio
Rubén García concluíu que “estes orzamentos históricos non son só unha cifra récord, senón unha mostra clara do noso compromiso co progreso de Trabada. Son contas centradas nas persoas, nos coidados, na mellora continua dos servizos e na dinamización social de todas as parroquias”.
O alcalde asegurou que o equipo de goberno seguirá traballando “ para seguir mellorando o noso pobo e ofrecer máis e mellores oportunidades aos veciños e veciñas de Trabada”.