O Concello de Trabada consolida a súa aposta pola cultura e polo teatro afeccionado coa continuación dos ciclos teatrais que, como cada primeiro sábado de mes, ofrecen á veciñanza unha proposta escénica de calidade e aberta a todos os públicos.
Este sábado, 6 de decembro, ás 21:00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá a representación da obra “Sen frores nin coroas”, a cargo do grupo 57 Palabras, unha compañía que chega a Trabada cunha peza cargada de humor, retranca e emoción.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca a importancia de manter unha programación cultural estable no municipio: “estes ciclos teatrais mensuais son unha mostra do noso compromiso coa cultura de proximidade. Queremos que a veciñanza teña acceso a propostas escénicas variadas, de calidade e que contribúan a dinamizar os nosos espazos públicos”, subliñou. Engadiu ademais que “o teatro é unha ferramenta fundamental para fomentar a convivencia, o pensamento crítico e o goce compartido. Por iso seguiremos apostando por manter esta iniciativa ao longo de todo o ano”.
O Concello invita a toda a cidadanía a gozar desta nova cita cultural e agradece a colaboración da Deputación de Lugo a través da súa área de Cultura.