O Concello de Trabada abrirá a partir do vindeiro luns o prazo para a presentación de solicitudes para o alugueiro social da vivenda situada na antiga Escola de Mestres da parroquia de Valboa. As persoas interesadas disporán dun mes para presentar a súa solicitude.
O prezo do alugueiro será de 143,82 euros mensuais, e dende o Concello infórmase de que se poderá consultar nas oficinas municipais se se cumpren os requisitos establecidos para acceder a esta vivenda.
Esta será a quinta vivenda municipal destinada ao alugueiro social, sumándose ás xa en funcionamento noutras parroquias como Trabadela. Ademais, o Concello xa está a traballar no proxecto de rehabilitación da antiga Escola de Mestres da parroquia de Vilapena, co obxectivo de continuar ampliando o parque de vivenda social.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinala que “seguimos apostando polo alugueiro social como unha ferramenta clave para facilitar o acceso á vivenda, fixar poboación e loitar contra o despoboamento no noso concello”.