O Concello de Trabada asinou o pasado venres un convenio coa Deputación de Lugo para que esta se faga cargo do custe total da diferenza entre o custo real das prazas da residencia de maiores e o que pagan as persoas usuarias. Deste xeito, o Concello só terá que asumir pequenos custes de mantemento, asegurando a continuidade dun servizo esencial para a poboación maior do municipio.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca a importancia deste acordo e considera que “este é o modelo de centro de maiores que funciona, o modelo ideal para a nosa provincia. Este paso dado pola Deputación, asumindo o custe de todos os centros de maiores cos que conta na provincia, reflicte ese compromiso e protexe aos concellos pequenos como Trabada”.
O alcalde agradece o apoio da presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e do deputado Pablo Rivera, así como de toda a institución provincial, polo seu esforzo en garantir que os servizos básicos para a poboación maior non se vexan afectados e para que os concellos pequenos poidan manter a súa viabilidade.
Dende a Alcaldía, reitérase o compromiso do Concello de Trabada coa protección dos servizos públicos esenciais, promovendo medidas que permitan manter unha atención de calidade á poboación maior do municipio.
