O Concello de Trabada vén de solicitar unha nova subvención á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia destinada á renovación do alumeado público en diferentes puntos do municipio. O proxecto presentado conta cun investimento de algo máis de 35.000 euros.
A actuación prevista permitirá substituír luminarias actuais por novas tecnoloxías LED, máis eficientes e sostibles, co obxectivo de mellorar a iluminación e avanzar na eficiencia enerxética do municipio.
As intervencións contempladas realizaríanse nos lugares de Vilapena, Vilasusá, Outeiro (na parroquia de Vilaformán), Leirado e na Praza do Concello, incluíndo tamén a contorna da casa consistorial.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “seguimos solicitando todas as axudas ás que podemos optar para continuar mellorando os servizos públicos e avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible no noso concello”.
O rexedor lembrou ademais que esta actuación se sumaría a outras renovacións do alumeado público executadas durante o pasado ano nos lugares de O Vilar, no núcleo de Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando.
Así mesmo, desde o Concello adiantan que nas vindeiras semanas se dará a coñecer un novo proxecto de substitución de luminarias en diferentes núcleos da parroquia de Trabada, continuando coa liña de mellora progresiva da rede de alumeado público municipal.