O Concello de Trabada solicita unha subvención para mellorar a área recreativa de A Choza dentro da Rede Natura 2000

O Concello de Trabada solicita unha subvención para mellorar a área recreativa de A Choza dentro da Rede Natura 2000

O Concello de Trabada vén de solicitar unha nova subvención á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia destinada á realización de actuacións en espazos incluídos na Rede Natura 2000.

Neste caso, a actuación céntrase na parroquia da Ría de Abres, única zona do municipio integrada nesta rede de espazos protexidos, onde se proxecta a continuación da mellora da área recreativa de A Choza, cun investimento próximo aos 20.000 euros.

Este espazo, que conta con zonas de descanso e puntos para o avistamento de aves, xa foi obxecto de actuacións no pasado ano, coa substitución de mesas e papeleiras por elementos elaborados con materiais reciclados.

O novo proxecto presentado contempla a renovación da barandilla, tamén con materiais reciclados, así como a mellora dos murais informativos, que serán substituídos por novos elementos de madeira, contribuíndo así a unha maior integración co entorno natural.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “seguimos solicitando todas as axudas ás que podemos optar, especialmente aquelas que nos permiten actuar en espazos naturais de gran valor como os incluídos na Rede Natura 2000, co obxectivo de seguir mellorando os nosos recursos e poñelos en valor”.

Desde o Concello subliñan que esta actuación permitirá continuar mellorando un espazo de referencia na parroquia da Ría de Abres, combinando a conservación do medio natural co uso público e o desfrute responsable da veciñanza e das persoas visitantes.

Páxina anterior Xa dispoñible a web para consultar os beneficiarios dos descontos da luz do parque eólico Mondigo

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados