O Concello de Trabada executará nos próximos meses unha nova actuación de mellora nunha estrada municipal do núcleo de Vilarbetote, concretamente na vía que conecta a estrada nacional N-640 co núcleo de Margaride.
O proxecto, cun orzamento superior aos 68.000 euros, está incluído dentro do Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo e permitirá acometer unha reforma integral desta infraestrutura viaria.
As obras contemplan a limpeza previa de cunetas, o aglomerado en quente da totalidade da vía, o pintado completo do trazado e a instalación de nova sinalización vertical, mellorando así a seguridade, accesibilidade e estado xeral desta comunicación municipal.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “continuamos avanzando na mellora das nosas estradas municipais, actuando en diferentes parroquias e renovando infraestruturas fundamentais para o día a día da nosa veciñanza”.
García sinalou ademais que “esta nova actuación en Vilarbetote forma parte do traballo constante que vimos realizando para seguir modernizando os nosos servizos e mellorando as comunicacións no rural”.
O rexedor anunciou tamén que nas próximas semanas o Concello continuará dando a coñecer novas actuacións que se executarán noutras parroquias do municipio.