O Concello de Trabada executa novas actuacións de mellora na parroquia de Vilaformán

O Concello de Trabada executa novas actuacións de mellora na parroquia de Vilaformán

O Concello de Trabada continúa avanzando na mellora de infraestruturas, espazos públicos e vías de comunicación no municipio, con diferentes actuacións executadas recentemente na parroquia de Vilaformán.

Entre elas, remataron xa as obras de pintado exterior e a instalación de canelóns e baixantes no teleclub de Vilaformán, uns traballos que permiten mellorar a conservación e a imaxe deste espazo de uso veciñal.

Do mesmo xeito, tamén se levou a cabo unha actuación de mellora da seguridade no pozo de incendios situado no lugar da igrexa de Vilaformán, mediante a instalación de novas barandillas, reforzando así a protección e a seguridade neste punto.

Por outra banda, no referente ás vías de comunicación, veñen de executarse por parte da Deputación de Lugo as obras de mellora do firme da vía  provincial LU-P-6102, que conecta a estrada nacional N-640 co núcleo de O Outeiro. Esta primeira fase consistiu no aglomerado dos primeiros catro quilómetros e no pintado completo da vía.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “seguimos traballando para mellorar os nosos locais, os nosos espazos públicos e tamén as vías de comunicación, que son fundamentais para garantir unha mellor calidade de vida á veciñanza”.

O rexedor tamén avanzou que “xa se está traballando na medición e no proxecto da seguinte fase desta vía provincial, que conta cun trazado total de 12 quilómetros, ademais doutros proxectos de reforma noutras estradas provinciais que atravesan o noso concello”.

Desde o Concello subliñan que este tipo de actuacións son fundamentais para continuar modernizando as infraestruturas municipais e seguir mellorando os servizos e comunicacións en todas as parroquias.

Páxina anterior O Concello de Trabada destaca a intensa actividade social e festiva desta semana nas súas parroquias

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados