Trabada celebra as súas festas patronais os días 14, 15 e 16 de agosto

Trabada celebra as súas festas patronais os días 14, 15 e 16 de agosto

O Concello de Trabada prepárase para vivir unha intensa fin de semana coa celebración das festas na honra á Nosa Señora e San Roque, que terán lugar os días 14, 15 e 16 de agosto na explanada do parque, cun amplo programa de actividades organizado pola comisión de festas e coa colaboración do Concello.

A programación dará comezo o venres 14 de agosto cunha gran cea, servida por Catering Sarredo, á que seguirá a verbena co Grupo Aché e DJ Litanea. 

O sábado 15 contará con sesión vermú coa Orquestra Magos e, pola tarde, chegará unha das propostas especialmente pensadas para o público familiar: o Mago Antón, que ofrecerá tres pases na explanada do parque, ás 18:00, 19:30 e 21:00 horas, coincidindo coa celebración do seu 50 aniversario. Pola noite, a verbena correrá a cargo de Puma Dúo, Orquestra Magos e DJ Ello.

A programación continuará o domingo 16 de agosto, con sesión vermú a cargo do Grupo La Tremenda e DJ BRF. Durante a xornada tamén haberá racións de xamón cocido e chourizo á venda e un espazo cuberto con carpa.

Á programación festiva súmanse as Xornadas de Portas Abertas do Centro Etnográfico Xosé Rocha, que poderá visitarse os días 15 e 16 de agosto, de 17:00 a 21:00 horas, con entrada gratuíta, ofrecendo unha oportunidade para achegarse ao patrimonio, á cultura e ás tradicións locais.

O alcalde de Trabada, Rubén García, quixo poñer en valor o traballo desenvolvido pola comisión de festas e por todas as persoas que colaboran na organización: “Estas celebracións son posibles grazas ao compromiso e á implicación das comisións de festas, que ano tras ano realizan un importante esforzo para manter vivas as nosas tradicións e ofrecer actividades para toda a veciñanza”.

O rexedor destacou tamén a importancia da colaboración municipal: “Desde o Concello continuamos apoiando estas iniciativas porque contribúen a dinamizar Trabada, favorecer a convivencia e facer que durante estas datas o noso municipio sexa tamén un punto de encontro para veciños, veciñas e visitantes”.

Desde o Concello de Trabada anímase a toda a veciñanza a participar nas diferentes propostas e a desfrutar dunha fin de semana na que tradición, cultura, música e diversión volverán ser protagonistas.

Carteles Festas Patronais Trabada 2026

Páxina anterior O Alto da Cadeira é o punto recomendado en Trabada para observar a eclipse solar total

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados