O Concello de Trabada recupera o servizo do Punto de Atención á Infancia e abre o prazo de matrícula para o curso 2026-2027

O Concello de Trabada recupera o servizo do Punto de Atención á Infancia e abre o prazo de matrícula para o curso 2026-2027

O Concello de Trabada recupera o servizo do Punto de Atención á Infancia (PAI), unha prestación especialmente importante para as familias do municipio, e abre o prazo de matrícula para o próximo curso. As solicitudes poderán realizarse do 18 ao 31 de agosto, nas oficinas municipais.

O PAI estará destinado a nenos e nenas de 3 meses a 3 anos e está previsto que comece a prestar servizo a mediados do mes de setembro. A atención será totalmente gratuíta para as familias e desenvolverase de luns a venres, en horario de 8:00 a 16:00 horas.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca o traballo realizado polo Concello durante os últimos meses para facer posible a recuperación deste servizo: «Levamos moito tempo traballando para poder recuperar o Punto de Atención á Infancia, un servizo que consideramos fundamental para as familias do noso concello e que agora podemos volver poñer á súa disposición».

García salienta tamén que esta recuperación chega nun momento especialmente significativo para Trabada, que está a rexistrar varios nacementos durante este ano, unha circunstancia que supón unha importante novidade e que reforza a necesidade de contar con servizos públicos adaptados ás necesidades das familias.

«Desde o Concello fixemos un esforzo moi importante para recuperar este servizo e incorporalo ao conxunto de programas de conciliación que temos ao longo de todo o ano. O noso obxectivo é que as familias de Trabada conten con recursos que lles permitan conciliar a súa vida familiar e laboral e, ao mesmo tempo, que as nenas e nenos do municipio teñan acceso a servizos de calidade», sinala o alcalde.

A recuperación do PAI súmase así a outras iniciativas municipais de apoio á conciliación, entre elas os programas de Madrugadores e Ludiseráns, os campamentos de verán e Nadal e outras actividades dirixidas ás familias.

Desde o Concello destacan que a aposta por estes servizos responde ao compromiso municipal de manter e reforzar os servizos públicos de proximidade, especialmente aqueles que contribúen a facilitar o día a día das familias e a favorecer que Trabada sexa un municipio atractivo para vivir, criar e desenvolver un proxecto de vida.

Páxina anterior Trabada celebra as súas festas patronais os días 14, 15 e 16 de agosto

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados