Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

A URBANIZACIÓN DA RÚA COTARELO NO CONCELLO DE TRABADA SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE CASE 110.000 EUROS

A URBANIZACIÓN DA RÚA COTARELO NO CONCELLO DE TRABADA SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE CASE 110.000 EUROS

O Concello de Trabada informa aos seus veciños e veciñas do comezo das obras de urbanización da rúa Cotarelo, adxudicadas por 108.295 euros.

A concelleira Julia Barcia e os concelleiros Rubén García e Pablo González visitaron hoxe a rúa xunto ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. O concello aportará 40.535 euros para esta actuación, correspondendo o resto ao goberno autonómico, a través dunha axuda de 67.760 euros que conseguiu a alcaldesa (tramitada tamén por ela mesma ás doce da noite).

Julia Barcia desculpou a ausencia da alcaldesa, Mayra García Bermúdez, representando hoxe en Málaga ao concello no cumio da Femp. “A comunicación entre as administracións debe facerse con previsión e respectando uns protocolos, xa que a Delegación avisou onte por whatsapp da visita e non deu marxe para aprazala”, explicou Barcia.

A intervención mudará a estética da rúa Cotarelo. Entre outros traballos, acondicionarase o firme e construiranse beirarrúas en ambas marxes, ao mesmo nivel da estrada para eliminar barreiras arquitectónicas; habilitarase un carril de circulación de sentido único e delimitaranse prazas de aparcamento.

Ademais, contémplanse os servizos de saneamento e abastecemento, así como a canalización soterrada da rede de iluminación pública, a de baixa tensión e a de telefonía. Colocaranse bocas de rego e de incendios, así como a sinalización e outros elementos necesarios.

Rubén García trasladoulle ademais a Javier Arias a proposta da alcaldesa de formalizar un convenio entre o concello e a Xunta “para facer un centro de novas tecnoloxías na parroquia de Ría de Abres, xa que os seus veciños non dispoñen de ningún lugar público”.

O concello mercou coa colaboración da Deputación de Lugo a parcela onde se ubicaría o centro e solicitou á Xunta unha subvención de 100.000 euros para o proxecto, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, “que de non ser concedida sería importante poder financiar doutra forma”, engadiu García.

Páxina anterior A ALCALDESA DE TRABADA REIVINDICA EN MÁLAGA NO CUMIO DA FEMP “A IMPORTANCIA DOS SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE NO RURAL E DO SECTOR PRIMARIO”

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Horario:

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

Concello de trabada 2021 - Todos os dereitos reservados

gl_ESGalego