Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

TRABADA APROBA UN CONVENIO CO CONCELLO DE RIBADEO PARA O SUBMINISTRO DE AUGA A VILARBETOTE, SANTE, A RABEXA, PEDRIDO, PACIOS, SAN MARTIÑO E VILAFERNANDO

TRABADA APROBA UN CONVENIO CO CONCELLO DE RIBADEO PARA O SUBMINISTRO DE AUGA A VILARBETOTE, SANTE, A RABEXA, PEDRIDO, PACIOS, SAN MARTIÑO E VILAFERNANDO

O pleno do Concello de Trabada aprobou esta mañá cos votos a favor en solitario do grupo municipal socialista un convenio co Concello de Ribadeo para o subministro de auga aos núcleos de Vilarbetote, Sante, A Rabexa, Pedrido, Pacios, San Martiño e Vilafernando.

O abastecemento de auga nestas parroquias prodúcese a través dunha captación no Río Eo, captación que se localiza en Trabada mediante un bombeo no río que leva a auga ata a ETAP onde se potabiliza (propiedade do Concello de Ribadeo). Posteriormente vólvese a bombear ata un depósito de 1.000 m3 de capacidade operativa situado en Vilarbetote (Trabada).

Era necesario efectuar unha revisión da solución adoptada no 2007 mediante un acordo plenario, tanto pola falta dun expediente administrativo completo con garantía xurídica como polo grave prexuízo que supón para as arcas municipais ter que efectuar o pago da diferencia entre a auga rexistrada no contador xeral e a suma dos rexistros de todos os contadores individuais, ademais do mantemento da rede de Trabada.

A este importe que se factura ao Concello de Trabada, que dende o 2018 ascendeu a uns 400.000 euros, debía engadirse os custos do persoal do concello e os materiais e accesorios dedicados ao mantemento da rede en baixa. 

“Por fin poñemos solución a un grave problema para as arcas municipais derivado da xestión do PP, que adoptou un acordo plenario sen un só informe de Secretaría-Intervención e no que se comprometía a unhas condicións inasumibles para o noso concello”, explica a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez.

Dende que xestiona o concello o actual grupo de goberno, a alcaldesa e os técnicos municipais mantiveron numerosas reunións técnicas con representantes do Concello de Ribadeo e de Augas de Galicia “para intentar poñerlle solución a unha situación anómala. Durante este tempo logramos que nos eximiran do pago do canon, algo que conseguimos grazas ás nosas xestións e que supuxo un aforro importante para as arcas municipais, e agora coa aprobación deste novo convenio lograremos un acordo xusto e positivo para as arcas municipais”, engade García Bermúdez.

Co novo convenio, o Concello de Trabada deixa de efectuar o pago da diferenza entre a auga rexistrada no contador xeral e a suma dos rexistros de todos os contadores individuais, así como o mantemento da rede de Trabada, a cambio de asumir o compromiso de investir 20.000 euros anuais con destino exclusivo a obras de renovación de infraestruturas de abastecemento.

Polo tanto, o Concello de Trabada aforrará os custos do pago anual do recibo da auga que se perde, así como os custos de persoal e materiais do mantemento das redes en baixa, a cambio de realizar investimentos nas súas propias infraestruturas hidráulicas.

Páxina anterior A ALCALDESA LAMENTA “O RECORTE NAS AXUDAS DA XUNTA PARA COFINANCIAR ACTIVIDADES CULTURAIS” NOS CONCELLOS POLOS QUE TRANSCURRE O CAMIÑO

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Horario:

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

Concello de trabada 2021 - Todos os dereitos reservados

gl_ESGalego