Os Reis Magos chegan a Trabada nunha fin de semana con teatro e tradición

Os Reis Magos chegan a Trabada nunha fin de semana con teatro e tradición

O Concello de Trabada mantén activa a súa programación cultural durante todo o ano e este primeiro fin de semana de xaneiro ofrece dúas citas destacadas, pensadas para públicos de todas as idades.

Por unha banda, o sábado 3 de xaneiro, ás 21:00 horas, a Casa da Cultura de Trabada acollerá a representación teatral “Ai! Señor, señor…”, a cargo do grupo Adala. Esta actuación enmárcase dentro dos ciclos culturais que o Concello vén desenvolvendo de maneira regular, apostando polo teatro e pola dinamización cultural no municipio.

Xa o domingo 4 de xaneiro, Trabada vivirá un dos momentos máis agardados polas familias coa celebración da tradicional Cabalgata dos Reis Magos, organizada pola Asociación Cultural O Picato, coa colaboración do Concello. A partir das 16:00 horas, os Reis Magos visitarán o CAM, onde se fará entrega de roscóns para os maiores. Ás 17:30 horas dará comezo a cabalgata, cun percorrido desde a Casa da Cultura ata o Pavillón Municipal de Deportes, acompañados polo grupo de gaitas Brisas del Eo.

Ao remate, os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas, aos que lles entregarán un agasallo. Ademais, haberá chocolate e roscón de Reis para todas as persoas asistentes.

Desde o Concello de Trabada anímase á veciñanza e ás persoas que nos visiten a participar nestas actividades, que combinan cultura, tradición e convivencia, e que contribúen a manter viva a programación cultural e festiva do concello.

Os Reis Magos chegan a Trabada nunha fin de semana con teatro e tradición 2

Páxina anterior O Concello de Trabada convoca a entrega dos cheques correspondentes á luz pública

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados