O alcalde de Trabada, Rubén García, e a concelleira do equipo de goberno, Lupe Rego, anunciaron a execución dunha actuación de mellora integral no local do Teleclub da parroquia de Sante tras realizar unha visita ao propio inmoble para comprobar o seu estado actual e as necesidades existentes.
O proxecto contempla actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade, coa instalación dunha rampa exterior e dunha nova barandilla. Ademais, levarase a cabo unha reforma tanto no exterior como no interior do local, que inclúe a substitución do chan e do falso teito, o pintado interior e exterior, a renovación das luminarias e outras melloras co obxectivo de modernizar e poñer a punto as instalacións.
Esta actuación será posible grazas a un convenio asinado polo alcalde de Trabada coa Deputación de Lugo, que permitirá financiar o proxecto cunha achega de 50.000 euros. O orzamento total da intervención ascende a 51.432,75 euros, asumindo o Concello a diferenza con fondos propios.
Desde o goberno municipal destacan que esta intervención se enmarca na liña de traballo que o Concello de Trabada vén desenvolvendo nos últimos anos, centrada na mellora dos espazos e infraestruturas de uso público nas parroquias, especialmente aqueles que acollen actividades sociais, culturais e veciñais organizadas polas propias asociacións locais.
O alcalde, Rubén García, sinalou que “os locais sociais son espazos fundamentais para a convivencia e a dinamización das parroquias, polo que é prioritario garantir que conten con instalacións accesibles e en boas condicións”. Pola súa banda, a concelleira Lupe Rego destacou “a importancia de seguir apostando pola mellora destes espazos para facilitar o desenvolvemento das actividades veciñais e reforzar a vida comunitaria”.
Con esta actuación, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais e co apoio ao tecido asociativo local, contribuíndo a fortalecer a cohesión social e a calidade de vida da veciñanza.