O Concello de Trabada vén de solicitar unha subvención á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia destinada á creación de novos espazos verdes e á mellora de áreas de uso público.
Trátase dunha liña de axudas que se resolve por orde de entrada das solicitudes, polo que desde o Concello se actuou con máxima axilidade. Unha vez aberto o prazo, a solicitude foi presentada en apenas cinco minutos, co obxectivo de optar a esta subvención en condicións favorables.
O proxecto presentado conta cun orzamento total de 75.000 euros e céntrase na zona de autocaravanas e no entorno do centro social da Ría de Abres. As actuacións previstas inclúen a instalación dun peche natural do recinto e a creación de novos espazos de descanso mediante pérgolas de madeira con cuberta natural. Estas zonas estarán dotadas de illas con mesas, papeleiras e bancos elaborados con materiais reciclados, co fin de mellorar o confort, a funcionalidade e a integración paisaxística do espazo.
Esta iniciativa súmase a outras actuacións que o Concello de Trabada ten previsto executar nos vindeiros meses noutras zonas do municipio, dentro dunha estratexia global de mellora dos espazos públicos e de fomento de contornas máis sostibles e agradables para a veciñanza e as persoas visitantes.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “desde o Concello seguimos solicitando todas aquelas axudas ás que podemos optar, porque son fundamentais para continuar mellorando os espazos públicos do noso municipio”. O rexedor subliñou tamén que “este proxecto permitirá poñer en valor unha zona moi utilizada, creando espazos máis cómodos, verdes e respectuosos co medio ambiente”.
Desde o Concello reiteran o seu compromiso de seguir impulsando actuacións que contribúan á mellora da calidade de vida da veciñanza e ao coidado do entorno, apostando por proxectos sostibles e adaptados ás necesidades do rural.