O Concello de Trabada informa de que na xornada de hoxe a Deputación de Lugo aprobou en Xunta de Goberno a rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-6101, que conecta o núcleo de Trabadela coa parroquia da Ría de Abres.
A actuación abarcará un treito de 1,3 quilómetros e contará cun investimento de máis de 160.000 euros. Os traballos consistirán na reapertura e limpeza de cunetas, así como na rehabilitación do firme mediante aglomerado en quente e o posterior pintado de toda a vía.
Esta intervención enmárcase nun proceso de mellora progresiva desta estrada, que se foi executando en distintas fases ao longo dos últimos anos. Con esta terceira actuación, completarase a rehabilitación integral do firme da LU-P-6101.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “seguimos avanzando na mellora das vías de comunicación do noso concello, unha cuestión fundamental para garantir a seguridade e a mobilidade da veciñanza”.
Ademais, o rexedor sinalou que actualmente tamén se está a traballar noutras actuacións en estradas provinciais, como a redacción do proxecto para a reparación dos danos na LU-P-6104, que conecta o centro de Trabada co concello de Santirso, así como na mellora da LU-P-6103, ao seu paso pola parroquia de Fórnea, afectada polas obras do parque eólico.
Desde o Concello de Trabada valoran positivamente estas intervencións, que contribúen a seguir mellorando as infraestruturas viarias do municipio.