O Concello de Trabada executará nos vindeiros meses unha nova actuación de mellora do servizo de iluminación pública en diferentes núcleos da parroquia de Trabada, dentro do Plan de Cooperación cos Concellos 2026 da Deputación de Lugo.
O proxecto, cun investimento próximo aos 30.000 euros, consistirá na substitución das actuais luminarias por novas tecnoloxías máis eficientes, continuando así coa aposta municipal pola mellora dos servizos públicos e pola eficiencia enerxética.
As actuacións levaranse a cabo nos núcleos de Orrea, Chao dos Navais, A Trapa, A Penela, San Esteban, A Ermida, A Ribela, Porto do Malle, Pau Cabaleiro, Escanarega, Redondo, Río, O Carballo, Fontán, A Lagoa, As Lóngaras, Muín Queimado, Cimadevila, Vilapercide, O Espín, A Cabana e Mozandeo.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “continuamos mellorando os nosos servizos e infraestruturas, chegando progresivamente aos diferentes núcleos do concello con actuacións que permiten ofrecer mellores prestacións á veciñanza”.
Así mesmo, sinalou que “a substitución destas luminarias por outras máis eficientes supón tamén seguir avanzando en materia de aforro e eficiencia enerxética”.
Desde o Concello lembran que esta actuación se suma ás diferentes melloras que se veñen impulsando nos últimos anos en distintos puntos do municipio.