O Concello de Trabada continúa avanzando na mellora das súas infraestruturas municipais coa posta en marcha dunha nova actuación que se executará nos próximos meses na vía municipal que conecta a Igrexa de Valboa co lugar de As Cabanas.
O proxecto, cun investimento de máis de 45.000 euros, está incluído dentro do Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo e suporá unha renovación integral deste primeiro tramo da vía.
As actuacións previstas incluirán a limpeza previa de cunetas, o aglomerado en quente da estrada, o pintado completo da vía e a instalación de nova sinalización vertical, mellorando así a seguridade, o estado do firme e as comunicacións nesta zona do municipio.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “continuamos traballando para mellorar as nosas vías de comunicación, executando actuacións que contribúan a renovar infraestruturas fundamentais para a veciñanza”.
Así mesmo, sinalou que “seguimos elaborando novos proxectos para continuar levando melloras ás distintas parroquias do noso concello, co obxectivo de seguir modernizando os nosos servizos e espazos públicos”.