O Concello de Trabada pon en marcha un novo centro de estudos situado nas antigas instalacións da biblioteca, na Casa da Cultura, co obxectivo de ofrecer á veciñanza un espazo público e gratuíto no que estudar, consultar material bibliográfico e realizar diferentes tarefas académicas.
O novo centro estará aberto de luns a domingo, en horario de 8:00 a 21:00 horas, e contará cun sistema de acceso automatizado que permitirá ás persoas inscritas utilizar as instalacións durante todo o horario establecido.
Ademais, as persoas usuarias terán á súa disposición o material da antiga biblioteca e conexión á rede wifi, facilitando así o acceso a recursos para o estudo e a formación.
As inscricións poderán realizarse a partir de mañá, mércores 30 de setembro, de maneira presencial nas oficinas do Concello de Trabada. Tanto a inscrición como o uso das instalacións serán totalmente gratuítos.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destaca a importancia de poñer á disposición da veciñanza novos servizos públicos que respondan ás súas necesidades. «Con este novo centro queremos ofrecer un espazo cómodo e accesible para estudar e formarse, aproveitando as instalacións municipais existentes e facilitando o seu uso durante todos os días da semana».
O rexedor pon tamén en valor o amplo horario de apertura e o sistema de acceso automatizado, que permitirán ás persoas usuarias organizar o seu tempo de estudo con maior flexibilidade.
A apertura deste centro enmárcase no traballo que desenvolve o Concello de Trabada para ampliar e mellorar os servizos públicos de proximidade, aproveitando os recursos municipais e poñéndoos á disposición de toda a veciñanza.