Escola de Vidal Trabada

O Concello de Trabada conta cunha axuda da Xunta para rehabilitar a escola de Vidal como vivenda social

O Concello de Trabada vén de conseguir unha axuda de 19.999,99 euros a través do programa de corrección de impactos paisaxísticos do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Esta achega permitirá executar a substitución da cuberta e a instalación de novos canalóns na antiga escola de Vidal, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do inmoble.

O custo total do proxecto ascende a 28.571,42 euros, polo que o Concello aportará 8.571,43 euros de fondos propios, reafirmando así o seu compromiso coa posta en valor dos espazos públicos e coas políticas sociais.

A vivenda situada na antiga escola de Vidal foi destinada a alugueiro social durante este ano, xunto con outros inmobles municipais que forman parte do plan do Concello para dar novos usos sociais ás antigas escolas da localidade.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “continuamos traballando para aproveitar os nosos recursos municipais con fins sociais. A recuperación das antigas escolas é unha oportunidade para ofrecer vivenda digna, accesible e cun impacto positivo na paisaxe e na vida da veciñanza”.

Ademais, nas vindeiras semanas comezarán as obras de reforma da vivenda da antiga escola de Valboa, que tamén será destinada a alugueiro social unha vez rematadas as actuacións.

Con este tipo de proxectos, o Concello de Trabada aposta por unha xestión responsable do patrimonio público, que contribúe á mellora da calidade de vida da poboación e á loita contra o despoboamento.

 

Páxina anterior Os Concellos de Trabada, Lourenzá e Barreiros esixen á Xunta que cumpra coas axudas prometidas para o sector da faba

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados