O alcalde de Trabada, Rubén García, realizou un balance moi positivo da presenza do Concello na Feira Internacional de Turismo (FITUR), celebrada esta semana en Madrid, unha cita de referencia a nivel estatal e internacional para a promoción dos destinos turísticos.
Durante a súa estancia en FITUR, o alcalde deu a coñecer o potencial turístico de Trabada, destacando que o turismo é unha fonte moi importante de ingresos para o municipio e unha oportunidade clave para o desenvolvemento económico e social do territorio. Neste senso, puxo en valor recursos como as fragas, a contorna natural do río Eo, as rutas de sendeirismo e o forte vínculo de Trabada coa natureza, elementos que definen a identidade do concello e o converten nun destino atractivo para un turismo sostible e de calidade.
Rubén García sinalou que “Trabada ten un enorme potencial turístico ligado á natureza, á tranquilidade e á autenticidade do rural, e FITUR é un escaparate fundamental para dar a coñecer todo o que podemos ofrecer”. O alcalde engadiu que “apostar polo turismo é tamén apostar pola fixación de poboación e pola creación de oportunidades no noso concello”.
No marco de FITUR, o alcalde de Trabada participou tamén na presentación da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, na que se deu a coñecer unha figura cerámica elaborada por Sargadelos en homenaxe ás Carolas ou Canouras, mulleres consideradas pioneiras do turismo na comarca por seren das primeiras en acudir á costa para gozar dos tradicionais baños de mar entre finais do século XIX e comezos do XX.
Desde o Concello de Trabada destacan a importancia de participar de maneira activa neste tipo de eventos, que permiten reforzar a colaboración entre concellos da comarca e proxectar unha imaxe conxunta da Mariña Lucense como destino turístico diverso e complementario.
O goberno municipal reafirma así o seu compromiso coa promoción turística de Trabada, continuando na liña de dar visibilidade aos recursos naturais, culturais e paisaxísticos do concello como motor de desenvolvemento e dinamización económica.
